Fagal solicítalle á Xunta de Galicia que se poida atender ás persoas con demencia e as súas familias "de forma inmediata"

1/6/2020

A Federación Alzhéimer Galicia quere transmitir a súa preocupación pola decisión tomada onte no Consello da Xunta de Galicia (29-5-2020) de que os centros de atención permanezan pechados ata o mes de setembro polo que solicita á Xunta de Galicia que se poida atender ás persoas cunha demencia e as súas familias de forma inmediata.

A actual crise sanitaria está a ter unha serie de consecuencias moi graves sobre as persoas cunha demencia neurodexenerativa e as súas familias, ampliando a súa problemática do campo sanitario ó campo social. As persoas usuarias dos diferentes servizos que se prestan están a sufrir un importante deterioro derivado do estado de confinamento e de non estar acudindo ós servizos especializados de atención que viñan recibindo. Así mesmo as familias coidadoras están soportando unha presión e tensión moi prolongada dada a dificultade da atención da persoa enferma e dos problemas derivado da conciliación.

É por elo que a Federación, acodou en reunión extraordinaria de todas as súas presidencias, solicitar á administración autonómica que:

1. Os diferentes servizos que se prestan dende a rede de asociacións de familiares de persoas cunha demencia neurodexenerativa de Galicia deben ser recoñecidos como esenciais polas características concretas das persoas usuarias ás que van dirixidas e por ser a única alternativa terapéutica efectiva para as persoas cunha demencia neurodexenerativa. Os servizos de atención terapéuticos especializados teñen que ser prioritarios na apertura e teñen que abrise coas medidas de seguridade adecuadas.

2. Permitir abrir os centros de atención, cumprindo con todas as esixencias de control sanitario para evitar posibles contaxios e flexibilizando a atención mixta centro-domicilio e creando novos modelos de atención para atender a maior número de usuarios posibles.

3.  A atención ás persoas cunha demencia neurodexenerativa en centros permite respiro ás familias e adaptar a conciliación precisa á que teñen que dar resposta no proceso de desescalada.

4.  O apoio económico ás familias coidadoras é fundamental pero non pode servir para abandonar a atención directa e terapéutica, polo que teñen que ter un carácter complementario ás mesmas que deben poñerse en marcha coa dotación orzamentaria así como os protocolos de atención das terapias nos domicilios como un novo modelo asistencial.

A crise sanitaria producida polo COVID19 situou ó colectivo de persoas maiores como un grupo de alto risco no que destacan as persoas cunha demencia neurodexenerativa. A aplicación de medidas de protección ante posibles contaxios está producindo unha serie de consecuencias negativas de elevadísimo custe terapéutico e social para eles, polo que solicitamos que se teñan en conta estes datos para poder tomar as medidas oportunas de protección ante o COVID19 e a patoloxía previa que xa viñan tendo.

É preciso garantir o acceso ás medidas terapéuticas esenciais das persoas cunha demencia o antes posible e con todas as garantías sanitarias . Para logralo cumprirá articular os medios oportunos e dotar as asociacións dos recursos necesarios.

 

FEDERACIÓN ALZHÉIMER GALICIA

www.fagal.org fagal@fagal.org 981 59 51 21

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar