AGADEA e o GDR Terras de Compostela celebraron o pasado 30 de setembro, no restaurante Aldea de Sestelo, en Teo, unha xornada dirixida ás familias e ás persoas coidadoras do municipio. Baixo o título «AGADEA no rural», o encontro combinou divulgación sobre o alzhéimer e outras demencias, experiencias de coidado e gastronomía nun ambiente próximo e participativo.
A proposta tivo como fío condutor algunhas receitas dos libros de FAGAL «Receitas para o recordo». A gastronomía acompañou as intervencións e favoreceu a conversa entre as persoas asistentes, conectando os sabores e os recordos coa vida cotiá e coas experiencias compartidas.
Información e experiencias para acompañar ás familias
A investigadora do CiMUS Dolores Viña Castelao achegou información sobre as demencias, o seu diagnóstico e os tratamentos, aproximando o coñecemento científico ás familias e ás persoas coidadoras.
O encontro contou tamén coa participación de Carmen Prego e Ramón Neira, que compartiron a súa experiencia como familiares e persoas coidadoras. Nas súas intervencións destacaron a importancia das Escolas de Familias como espazos para aprender, intercambiar vivencias e atopar apoio no proceso de coidado.
Pola súa parte, Taida Sánchez, neuropsicóloga de AGADEA, salientou a necesidade de contar con información adecuada e de participar nestes espazos de formación e acompañamento. A xornada foi presentada e conducida por Sofía Lorenzo, educadora social do Centro Terapéutico de AGADEA en Teo.
A gastronomía como punto de encontro
As elaboracións inspiradas en «Receitas para o recordo», achegaron unha dimensión vivencial á xornada. Os momentos gastronómicos intercaláronse coas intervencións, creando ocasións para conversar e compartir experiencias arredor do coidado.
Con esta iniciativa, AGADEA e o GDR Terras de Compostela achegaron ao rural un espazo de información e apoio ás familias, no que a divulgación e a experiencia das persoas coidadoras se complementaron.
AGADEA agradece a colaboración do GDR Terras de Compostela, do Concello de Teo e da Aldea de Sestelo, así como a participación das persoas relatoras e de todas as familias que formaron parte do encontro.
A xornada contou co cofinanciamento da Xunta de Galicia, da Unión Europea e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco de LEADER.

























































