AGADEA presenta unha nova programación formativa e_saúde, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, para achegar coñecementos e ferramentas ás persoas coidadoras, aos profesionais e á cidadanía interesada. As propostas celebraranse en Santiago de Compostela, Abanqueiro (Boiro) e Ribeira entre o 28 de outubro e o 18 de novembro de 2026.
A programación abrangue diferentes dimensións do coidado: a atención ás necesidades físicas e funcionais, a comunicación e o acompañamento emocional, e a atención integral ao final da vida.
Estimulación física e funcional en Santiago
AGADEA LAB acollerá o 30 de outubro, de 17:00 a 18:30 horas, a charla «Estimulación física e funcional en dependentes», impartida por Rodrigo Rubial Lalín, fisioterapeuta e xerontólogo clínico.
A sesión permitirá adquirir coñecementos teóricos e prácticos sobre manobras de estimulación física e funcional para mellorar a calidade dos coidados das persoas en situación de dependencia. Está dirixida a persoas coidadoras e á cidadanía en xeral.
A actividade terá lugar en AGADEA LAB, na avenida de Rosalía de Castro, 138, en Santiago de Compostela.
Intelixencia emocional e comunicación en Abanqueiro
O Centro Social de Abanqueiro, en Boiro, acollerá dúas charlas sobre intelixencia emocional e comunicación no coidado das persoas dependentes. Ambas serán impartidas por Miguel Ángel Gómez Vázquez, especialista en xestión da intelixencia emocional.
A primeira sesión, «Intelixencia emocional I: Comunicar para coidar», celebrarase o 29 de outubro. A segunda, «Intelixencia emocional II: Comunicar para conectar», terá lugar o 30 de outubro. O horario será de 18:30 a 20:00 horas, ambos os días.
Dirixidas a persoas coidadoras e á cidadanía en xeral, as sesións abordarán como as emocións, os pensamentos e as experiencias persoais inflúen na maneira de interpretar as situacións e de comunicarse coas persoas ás que se acompaña.
O centro está situado en Aldea Abanqueiro, 69, Boiro.
Inscricións para Santiago e Abanqueiro
As persoas interesadas nestas charlas poden inscribirse por WhatsApp no 722 883 139, indicando nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono e correo electrónico. Tamén poden realizar a inscrición a través de https://escolasaude.sergas.es.
Curso de coidados e acompañamento ao final da vida en Ribeira
O Centro de Día AGADEA de Ribeira acollerá o curso especializado «Coidados e acompañamento ao final da vida: abordaxe integral dende a atención sanitaria, social e humanista».
A formación consta de seis horas presenciais, distribuídas en catro sesións semanais de 17:00 a 18:30 horas, co seguinte programa:
- 28 de outubro: estrutura e prestacións sanitarias en coidados paliativos.
- 4 de novembro: coidados sanitarios ao final da vida, enfermidade avanzada e coidados paliativos.
- 11 de novembro: atención centrada na persoa ao final da vida: coidar con sentido.
- 18 de novembro: acompañamento emocional e xestión do dó.
O curso será impartido polo equipo de especialistas do Servizo de Hospitalización a Domicilio e Coidados Paliativos da Área de Saúde de Santiago de Compostela e Barbanza.
Está dirixido a profesionais, persoas coidadoras non profesionais e persoas con experiencia ou interese na atención sociosanitaria, nos coidados de longa duración, na intervención social ou no acompañamento emocional.
As sesións desenvolveranse no Centro de Día AGADEA de Ribeira, na rúa Cardenal Cisneros, 1, entresollado.
Inscricións para o curso de Ribeira
A inscrición debe realizarse a través do seguinte formulario:
https://forms.gle/ou3SQeWaB2vcKYaN9
Para solicitar máis información, pódese contactar co 722 883 139 ou escribir a formacion@agadea.org.



