AGADEA Alzhéimer recibiu o pasado venres 4 de setembro o Distintivo Benestar Social do Concello de Boiro, na categoría de Entidade Social, como recoñecemento ao seu traballo continuado de apoio ás familias, á súa capacidade de innovación e ao seu compromiso co benestar da veciñanza.

O galardón foi entregado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante unha gala celebrada en Boiro para poñer en valor o labor social, solidario e de voluntariado desenvolvido por persoas, profesionais e entidades do municipio.

Unha representación de AGADEA, encabezada pola súa presidenta, Isabel Gey, participou no acto e agradeceu un recoñecemento que pertence tamén ás persoas con alzhéimer e outras demencias, ás súas familias, ás profesionais da entidade, ao voluntariado e a todas as institucións e persoas que colaboran diariamente coa asociación.

Un recoñecemento ao compromiso de AGADEA co Barbanza

Desde a súa creación en 1994, AGADEA traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con demencia e das súas familias, ofrecendo atención especializada, orientación, acompañamento e recursos que lles permitan afrontar o proceso da enfermidade coa maior seguridade e apoio posibles.

Na comarca do Barbanza, a asociación desenvolve unha importante rede de atención e sensibilización a través dos seus centros e programas. Este traballo busca que as persoas con demencia poidan continuar conectadas coa súa contorna, participar na vida comunitaria e recibir unha atención próxima e adaptada ás súas necesidades.

O distintivo recoñece especialmente a capacidade de AGADEA para impulsar novas respostas ante o reto social que representa o progresivo envellecemento da poboación. Neste ámbito destaca AGADEA HÁBITAT, o proxecto que a entidade está desenvolvendo nas antigas vivendas do profesorado de Praia Xardín.

Este novo recurso nace coa vontade de ofrecer en Boiro e no Barbanza un modelo de atención máis próximo, flexible e centrado na persoa, combinando servizos de atención diúrna, respiro familiar, convivencia e acompañamento terapéutico.

AGADEA continúa tamén traballando no proxecto dunha futura residencia en Saltiño, coa finalidade de ampliar os recursos dispoñibles na comarca e responder ás necesidades presentes e futuras das persoas maiores e das persoas con demencia.

Un impulso no Mes do Alzheimer

Este recoñecemento chega no inicio do Mes do Alzheimer, que culminará o 21 de setembro coa conmemoración do Día Mundial do Alzheimer. Durante estas semanas, AGADEA desenvolverá diferentes actividades de información, sensibilización e participación social en Santiago de Compostela, A Estrada e Barbanza.

Para a asociación, recibir este distintivo supón un impulso para continuar facendo visible a realidade das demencias, defender os dereitos das persoas que conviven con elas e seguir construíndo unha sociedade máis inclusiva, solidaria e comprometida cos coidados.

AGADEA agradece especialmente ao Concello de Boiro este recoñecemento e o seu apoio ao traballo da entidade, así como a colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Delegación do Goberno e do tecido social e asociativo do municipio.

A asociación felicita tamén ás demais persoas e entidades distinguidas nesta edición: as mestras e educadoras das escolas infantís de Boiro, as persoas voluntarias da Asociación Española Contra o Cancro, o equipo profesional de Alar Galicia, os axentes da Garda Civil de Boiro e Cocó Blanco.

Este premio anima a AGADEA a continuar avanzando, innovando e acompañando cada día ás persoas con alzhéimer e outras demencias e ás súas familias.