A X Andaina Solidaria «Os Camiños da Memoria» de Ribeira reuniu o venres 28 de agosto a máis de 300 persoas, unha elevada participación que consolida esta iniciativa como unha das principais citas solidarias e de sensibilización arredor do alzhéimer e das outras demencias na comarca do Barbanza.

A marcha supuxo, ademais, o pistoletazo de saída á programación de AGADEA con motivo do Mes do Alzheimer, que se desenvolverá ao longo de setembro e terá a súa data central o 21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer. Durante as próximas semanas, a entidade impulsará diferentes accións de sensibilización, información e participación social para achegar á cidadanía a realidade das demencias e das familias que conviven con elas.

Entre as próximas citas destaca a IX Andaina Solidaria «Os Camiños da Memoria» da Estrada, que se celebrará o venres 18 de setembro. A iniciativa trasladará á comarca de Tabeirós-Terra de Montes o espírito solidario e reivindicativo vivido en Ribeira, sumando novos pasos en apoio ás persoas con alzhéimer e ás súas familias.

Na cita de Ribeira, persoas de todas as idades sumáronse a un percorrido de arredor de 6,5 quilómetros con saída no parque García Bayón. A participación acadada nesta décima edición volveu demostrar a implicación da veciñanza de Ribeira e da comarca coas persoas con demencia, coas súas familias e co labor desenvolvido por AGADEA.

A andaina combinou actividade física, convivencia e sensibilización nun ambiente festivo e familiar. A programación completouse con música, photocall e fotomatón, favorecendo un espazo de encontro no que a solidariedade e a memoria foron as grandes protagonistas.

A décima edición contou con Nuska Chousa como madriña, en recoñecemento á súa implicación e ao seu apoio á iniciativa. A organización agradeceu especialmente a súa proximidade e compromiso coa causa.

O éxito da convocatoria foi posible grazas ao traballo conxunto das tres entidades organizadoras: AGADEA Alzhéimer, o Concello de Ribeira e o Club Sachacamiños. A organización destacou tamén a colaboración das empresas, entidades e establecementos que contribuíron ao desenvolvemento da actividade, así como o labor das persoas voluntarias e profesionais implicadas.

AGADEA trasladou igualmente o seu agradecemento ás máis de 300 persoas participantes, cuxa resposta permitiu alcanzar unha das cifras máis destacadas das dez edicións celebradas. A elevada asistencia reafirma o apoio social á iniciativa e o compromiso de Ribeira coa sensibilización, o acompañamento ás familias e a construción dunha sociedade máis consciente e inclusiva fronte ás demencias.

Tras dez edicións, «Os Camiños da Memoria» continúa sumando participación e compromiso colectivo, convertendo cada paso nunha mostra de apoio ás persoas con alzhéimer e ás súas familias.