O programa acompañou mulleres coidadoras de persoas con demencia en Santiago de Compostela, Vedra, Trazo, A Estrada e Cuntis, promovendo o seu benestar, autonomía e empoderamento.

AGADEA Alzhéimer pon fin a unha nova edición do programa «Coidando na Igualdade», tras un ano cheo de experiencias, aprendizaxes compartidas e espazos de encontro destinados a apoiar mulleres coidadoras informais de persoas con demencia, especialmente en contornas rurais.

Ao longo do programa desenvolvéronse actividades grupais, accións formativas, espazos de coidado emocional e asesoramento individualizado. Estes encontros permitiron compartir experiencias, resolver dúbidas e adquirir ferramentas para afrontar os coidados, prestando tamén atención ao benestar, á autoestima e á calidade de vida das propias coidadoras.

Entre os temas abordados estiveron os dereitos laborais, os recursos relacionados coa dependencia, a tutela legal e a planificación anticipada. O programa contou tamén coa participación do avogado Eduardo Porta, que ofreceu asesoramento xurídico ás participantes nestas materias.

«Coidando na Igualdade» favoreceu, ademais, a creación de redes de apoio entre mulleres que comparten realidades semellantes, contribuíndo a reducir o illamento e a dobre discriminación que poden experimentar pola súa condición de mulleres e coidadoras.

Desde AGADEA queremos expresar o noso agradecemento a todas as participantes pola súa confianza, implicación e xenerosidade á hora de compartir as súas vivencias. O seu compromiso foi esencial para converter cada encontro nun espazo de escoita, acompañamento e apoio mutuo.

Agradecemos tamén á Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a confianza depositada en AGADEA e o seu apoio para facer posible a execución deste proxecto, cofinanciado pola Unión Europea co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír á redución da dobre discriminación das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Pechamos esta edición coa satisfacción polo camiño percorrido e coa vontade de continuar impulsando iniciativas que recoñezan o valor dos coidados e garantan que quen coida tamén reciba apoio, acompañamento e atención.