A Asociación Galega para a Axuda das Persoas con demencia tipo alzhéimer (AGADEA) presentou este luns na Casa do Concello da Estrada a IX Andaina Teatralizada “Os Camiños da Memoria”, que se celebrará o próximo venres 18 de setembro e volverá converter as rúas da vila nun punto de encontro e sensibilización arredor do alzhéimer e outras demencias.

Na presentación participaron Amalia Goldar, concelleira de Servizos Sociais; Isabel Gey, presidenta de AGADEA; e Sonia Castro, coordinadora da Área da Estrada da entidade.

A iniciativa chega á súa novena edición consolidada como unha cita para implicar á veciñanza e mostrar o apoio colectivo ás persoas con alzhéimer e outras demencias, ás súas familias e ás persoas coidadoras.

A Andaina partirá ás 19:00 horas da Praza do Novo Mercado, coa recollida de camisetas desde as 18:30 horas. A xornada combinará o percorrido teatralizado con música en directo, avituallamento e photocall.

Inscricións abertas

A inscrición xeral ten un prezo de 7 euros e inclúe camiseta e mochila para as persoas participantes.

A organización habilitou tamén un dorsal 0 solidario de 2 euros, destinado a todas aquelas persoas que, aínda que non participen na andaina, queiran colaborar coa iniciativa e apoiar o labor de AGADEA.

A participación é gratuíta para os menores de 12 anos. Debido ao funcionamento da plataforma de inscrición online, inicialmente deberán aboar tamén os 7 euros no momento de formalizar a inscrición, pero o importe seralles devolto posteriormente.

As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma online habilitada para a andaina: https://eventos.emesports.es/inscripcion/ix-andaina-solidaria-os-caminos-da-memoria-a-estrada/inscripcion_datos/

Tamén podes inscribirte presencialmente no Centro de Día de AGADEA na Estrada, de 10:00 a 19:00 h.

Para máis información está dispoñible o teléfono 693 92 94 33.

Tanto AGADEA como o Concello da Estrada animan á veciñanza da vila e da contorna a sumarse á Andaina, contribuíndo a facer do 18 de setembro unha xornada de convivencia, solidariedade e compromiso coa memoria.

O Premio SIMBAD, outra das grandes citas de setembro na Estrada

Durante a presentación tamén se aproveitou para convidar á cidadanía a participar no acto de entrega do V Premio SIMBAD 2026, que AGADEA celebrará o xoves 10 de setembro, ás 19:00 horas, no Museo do Moble e da Madeira (MOME) da Estrada.

O Premio SIMBAD recoñece cada ano a mellor obra de literatura infantil e xuvenil vinculada á memoria e ao alzhéimer. O acto será de entrada libre, estará presentado por Pablo Chichas e contará coa actuación en directo de The Bichos Band.

O Premio SIMBAD, o 10 de setembro, e a IX Andaina “Os Camiños da Memoria”, o día 18, converterán así A Estrada nun dos escenarios destacados das actividades de sensibilización impulsadas por AGADEA nas datas próximas ao Día Mundial do Alzhéimer, o 21 de setembro.