A cidade de Santiago de Compostela converteuse un ano máis no epicentro internacional da sensibilización sobre as demencias coa celebración da última etapa do Walking the Talk for Dementia 2026, un movemento que reuniu a 180 persoas, entre elas unha delegación internacional formada por 90 participantes procedentes de máis de 30 países dos cinco continentes, xunto con outras 90 persoas usuarias, familiares, profesionais, voluntariado e persoas colaboradoras de AGADEA chegadas desde distintos puntos de Galicia.
O encontro internacional Walking Talk for Dementia convértese no espazo desde o que impulsar a futura Rede Europea de Persoas Coidadoras, unha iniciativa contemplada dentro do proxecto europeo CARE4YOU+, presentada ao programa Erasmus+, cuxo obxectivo é fortalecer a formación, a cooperación e o recoñecemento das persoas coidadoras en Europa.
Máis ca un congreso, Walking Talk for Dementia concíbese como un laboratorio de innovación social onde profesionais, persoas coidadoras, persoal investigador, entidades sociais, administracións públicas e centros educativos poderán atoparse para compartir experiencias, identificar retos comúns e deseñar conxuntamente respostas a un dos grandes desafíos do envellecemento en Europa.
O encontro servirá como primeiro espazo para tecer relacións entre as organizacións participantes no proxecto e abrir a Rede Europea de Persoas Coidadoras a novas entidades interesadas en colaborar en ámbitos como a formación, a investigación, a innovación social e a mellora da calidade dos coidados.
Esta visión do traballo en rede non parte de cero. AGADEA desenvolve desde hai anos unha metodoloxía baseada na cooperación entre organizacións, unha experiencia reforzada grazas á súa participación na Rede Eusumo, onde impulsou iniciativas de economía social, innovación colaborativa e creación de alianzas entre entidades con impacto no territorio.
A experiencia adquirida na Rede Eusumo demostra que as solucións máis innovadoras xorden cando diferentes organizacións comparten coñecemento, recursos e obxectivos comúns. Ese mesmo modelo de cooperación é o que agora AGADEA quere proxectar ao ámbito europeo mediante a creación dunha rede estable que transcenda a duración do proxecto CARE4YOU+.
A futura Rede Europea de Persoas Coidadoras permitirá intercambiar boas prácticas, promover oportunidades de formación, favorecer a mobilidade do coñecemento entre países e contribuír ao recoñecemento profesional de quen coida, creando unha comunidade permanente comprometida coa innovación nos coidados.
O proxecto CARE4YOU+ reúne organizacións de España, Irlanda e Italia para desenvolver un programa europeo de formación para a figura da Persoa Auxiliar Co-Terapeuta, crear unha plataforma dixital de aprendizaxe e consolidar unha rede internacional de colaboración que garanta a continuidade do traballo conxunto máis alá da execución do proxecto.
Unha rede que nace camiñando
En coherencia coa filosofía de Walking Talk for Dementia, a futura Rede Europea de Persoas Coidadoras aposta por unha maneira diferente de construír coñecemento: camiñar xuntas, conversar, compartir experiencias e transformar esas conversas en proxectos de cooperación capaces de mellorar a vida das persoas con demencia, das súas familias e de quen as acompaña cada día.
«As redes non se crean con documentos; constrúense cando as persoas se atopan, comparten e comezan a traballar xuntas. Walking Talk for Dementia quere ser precisamente ese lugar de encontro onde naza unha comunidade europea comprometida con transformar os coidados desde a colaboración e a innovación social.»



