Santiago de Compostela volveu converterse nun referente internacional na sensibilización sobre as demencias coa celebración da última etapa do Walking the Talk for Dementia 2026, unha iniciativa que reuniu na cidade a máis de 180 persoas, entre elas unha delegación internacional formada por 90 participantes procedentes de máis de 30 países dos cinco continentes, acompañadas por outras 90 persoas da familia AGADEA chegadas desde distintos puntos de Galicia.

A xornada comezou na Ermida de San Marcos, no Monte do Gozo, onde as delegacións internacionais foron recibidas por persoas usuarias, familias, profesionais e voluntariado de AGADEA, simbolizando a unión entre Galicia e unha comunidade internacional comprometida cunha sociedade máis inclusiva para as persoas con demencia.

Na recepción institucional participaron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei e a presidenta de AGADEA Alzhéimer, María Isabel Gey Pérez, que deron a benvida ás persoas participantes antes do inicio da última etapa do percorrido.

Ás 11:00 horas deu comezo a camiñada desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro. Ao longo do percorrido compartíronse experiencias entre persoas con demencia, familiares, persoas coidadoras, profesionais sanitarios, persoal investigador e representantes de entidades de todo o mundo.

Walking the Talk for Dementia naceu impulsado polo xornalista brasileiro Fernando Aguzzoli-Peres e converteuse nun movemento internacional que combina a experiencia do Camiño de Santiago cun espazo de encontro entre persoas que conviven coa demencia, profesionais e comunidade científica. AGADEA exerce, un ano máis, como entidade anfitrioa da iniciativa en Galicia, promovendo a implicación da sociedade galega.

Esta edición volveu demostrar que a demencia é un reto global que require respostas compartidas. Máis alá da camiñada, o proxecto reivindica o dereito das persoas con demencia a seguir participando activamente na sociedade, combatendo o estigma e fomentando comunidades máis accesibles, inclusivas e comprometidas.

AGADEA quere expresar o seu agradecemento a GADIS pola súa colaboración nesta edición do Walking the Talk for Dementia 2026, mediante a doazón de botellas de auga para as persoas participantes, un apoio que contribuíu ao benestar de todas elas durante o percorrido.

Co remate desta etapa en Santiago de Compostela conclúe o percorrido do Walking the Talk for Dementia 2026, consolidando á cidade e a Galicia como un punto de encontro internacional para impulsar a investigación, a sensibilización e a defensa dos dereitos das persoas con demencia e das súas familias.