A Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA) puxo este luns o broche final ao proxecto «Un Camiño de Lembranzas – O Camiño de Muxía e Fisterra», unha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia no marco do programa O teu Xacobeo, cun acto celebrado no Mercado Cultural de Fisterra.
Durante as últimas semanas, o proxecto percorreu diferentes etapas do Camiño de Muxía e Fisterra, convertendo cada parada nun espazo de encontro entre persoas con demencia, familiares, entidades sociais, veciñanza e administracións locais. Ao longo deste percorrido desenvolvéronse actividades de envellecemento activo, estimulación cognitiva, recuperación da memoria, educación ambiental, patrimonio e convivencia interxeracional nos concellos de Santiago de Compostela, Dumbría, Zas, Muxía e Fisterra.
O acto final contou coa participación do presentador da Radio Televisión Pública de Galicia (RTVGA), Emilio Guillín, do xerente de AGADEA, Faustino Rodríguez; do alcalde de Fisterra, Luis Manuel Insua; e do comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez, quen acompañaron ás persoas participantes nesta clausura simbólica do proxecto.
A programación incluíu unha dinámica participativa na que as persoas asistentes compartiron lembranzas e reflexións sobre o camiño percorrido, seguida da actuación musical do grupo Unto Vello.
Con «Un Camiño de Lembranzas – O Camiño de Muxía e Fisterra», AGADEA reafirma o seu compromiso promovendo proxectos que unen patrimonio, cultura, saúde, participación comunitaria e sensibilización social a través dos Camiños de Santiago.



