Os días 3 e 4 de xullo, Santiago de Compostela converteuse nun espazo internacional de intercambio de coñecemento coa celebración do Simposio Internacional Walking the Talk for Dementia 2026, unha cita que reuniu a persoas investigadoras, profesionais, entidades sociais, persoas con demencia e familiares procedentes de diferentes países para reflexionar sobre o presente e o futuro dos coidados.

Como entidade anfitrioa do Walking the Talk for Dementia 2026 en Galicia, AGADEA Alzhéimer participou activamente nesta programación científica e divulgativa, reafirmando o seu compromiso coa innovación, a investigación e a creación de comunidades máis inclusivas para as persoas con demencia.

Un dos momentos máis destacados foi a intervención da neuroarquitecta Belén Vázquez, que presentou os primeiros avances da colaboración entre AGADEA e o seu equipo de investigación. Durante a súa relatorio, puxo o foco nunha visión da accesibilidade que vai máis alá da eliminación de barreiras arquitectónicas ou das adaptacións físicas dos espazos.

A súa proposta aposta por deseñar contornas e paisaxes que favorezan a identidade, o sentimento de pertenza, a orientación e o benestar emocional das persoas con demencia, demostrando como elementos como a luz, a vexetación, os lugares familiares ou as relacións sociais poden converterse en aliados para mellorar a calidade de vida e promover unha maior autonomía.

Esta liña de traballo reforza o compromiso de AGADEA coa incorporación da evidencia científica á práctica diaria e coa procura de solucións innovadoras que respondan ás necesidades reais das persoas con demencia e das súas familias.

Ademais das intervencións no programa científico, AGADEA contou cun stand informativo da Rede Eusumo, desde o que deu a coñecer o labor que desenvolve a entidade, os seus proxectos de atención, sensibilización e innovación social, así como os valores do cooperativismo e da economía social como ferramentas para construír comunidades máis solidarias e inclusivas.

O Simposio Internacional completou así a programación do Walking the Talk for Dementia 2026, unha iniciativa que reuniu durante toda a semana persoas de máis de trinta países para compartir experiencias, coñecemento e boas prácticas arredor da demencia, consolidando a Santiago de Compostela e a Galicia como un referente internacional na defensa dos dereitos das persoas con demencia e na promoción de modelos de coidado centrados na persoa.