O proxecto Un Camiño de Lembranzas – O Camiño de Muxía e Fisterra, impulsado por AGADEA celebrou este sábado en Brandomil (Zas) a súa segunda etapa. Este proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.

A primeira xornada coincidiu coa chegada do movemento internacional Walking The Talk for Dementia 2026, reunindo a centos de participantes de preto de trinta países para sensibilizar sobre a demencia. O itinerario culminará o 13 de xullo en Fisterra, no simbólico final do Camiño.

A xornada desenvolveuse na contorna da histórica Ponte de Brandomil, un dos enclaves patrimoniais máis destacados do Camiño de Fisterra e Muxía e símbolo do paso de persoas, culturas e historias ao longo dos séculos. O acto estivo conducido polo presentador da RTVG, Emilio Guillín, padriño de Un Camiño de Lembranzas, que foi dando paso ás distintas intervencións e acompañou ás persoas participantes ao longo dunha mañá marcada pola divulgación, a convivencia e a posta en valor do patrimonio galego. Participaron persoas usuarias de AGADEA A Estrada e da asociación Aspadex Cee, que compartiron unha experiencia de aprendizaxe e encontro na Costa da Morte.

O divulgador científico Jorge Mira foi o encargado de conducir unha charla na que explicou a relevancia histórica da Ponte de Brandomil, a súa orixe vinculada ás antigas vías de comunicación e a importancia deste enclave no territorio. A continuación, achegou ás persoas asistentes as claves do eclipse total de Sol do próximo 12 de agosto, un dos fenómenos astronómicos máis relevantes das últimas décadas, que converterá Galicia nun lugar privilexiado para a súa observación.

A actividade contou tamén coa participación do alcalde de Zas, Manuel Muiño, e do secretario xeral da Fundación Brandomil, Enrique Iglesias, que deron a benvida ás persoas participantes e puxeron en valor iniciativas que contribúen á divulgación do patrimonio histórico, científico e cultural do territorio desde unha perspectiva inclusiva e participativa.

Esta segunda etapa reafirma o espírito de Un Camiño de Lembranzas, un proxecto que busca achegar o patrimonio natural, cultural e humano do Camiño de Fisterra e Muxía ás persoas con demencia, ás súas familias e á sociedade en xeral, convertendo cada parada nun espazo de encontro, aprendizaxe e intercambio de experiencias. Ao longo do percorrido, as persoas participantes comparten camiño con entidades sociais, administracións, especialistas e referentes de cada territorio, creando novas lembranzas arredor da cultura, da ciencia, da natureza e da identidade de Galicia.

Promovido por AGADEA no marco de O Teu Xacobeo, o proxecto continuará o seu percorrido os próximos días por Dumbría e Muxía, antes de poñer o broche final o 13 de xullo en Fisterra, onde o Faro marcará simbolicamente o remate deste Camiño de Lembranzas, un itinerario que reivindica un Camiño de Santiago máis inclusivo, accesible e comprometido co patrimonio, coa memoria e coas persoas.