O Centro de Día de Salgueiriños celebrou este xoves, 18 de xuño, O San Xoaniño (A previa de San Xoán), unha festa comunitaria coa que AGADEA quixo abrir as portas do centro e compartir coa veciñanza unha das tradicións máis arraigadas da cultura galega.

Persoas usuarias, familias, profesionais, voluntariado e habitantes do barrio participaron nunha tarde de convivencia ao aire libre, con comida compartida, música tradicional, elaboración de ramos de San Xoán e unha simbólica ‘cacharela’.

A celebración contou tamén coa visita da concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas, e do concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, que coñeceron o Centro de Día de Salgueiriños acompañados pola presidenta de AGADEA, Isabel Gey, e compartiron parte da xornada coas persoas participantes.

Un centro aberto e conectado co barrio

O San Xoaniño nace coa vontade de reforzar os vínculos entre o centro e a súa contorna, favorecendo que as persoas usuarias continúen formando parte activa da vida social e comunitaria. Máis alá dunha celebración, a iniciativa converteuse nun punto de encontro entre diferentes xeracións, familias, colectivos e persoas do barrio.

Para AGADEA, os centros de día non deben ser espazos illados, senón lugares abertos, próximos e conectados coa comunidade. Crear oportunidades para compartir, relacionarse e participar contribúe ao benestar emocional, combate a soidade non desexada e axuda a construír unha sociedade máis inclusiva e sensibilizada coas demencias.

Esta forma de entender os coidados está vinculada aos valores que orientan o traballo diario da entidade: o respecto pola dignidade e a historia de vida de cada persoa, a participación, a autonomía, a inclusión e o acompañamento ás familias.

A recuperación de tradicións como a de San Xoán permite, ademais, estimular recordos e emocións, favorecer a expresión e reforzar o sentimento de identidade e pertenza. Ao mesmo tempo, ofrece á veciñanza a oportunidade de achegarse á realidade das persoas con alzhéimer e outras demencias desde a convivencia, a naturalidade e o afecto.

Con O San Xoaniño, AGADEA reafirma o seu compromiso cun modelo de atención centrado nas persoas e integrado na comunidade, no que coidar significa tamén compartir, participar e seguir formando parte da vida do barrio.

Desde a entidade agradecemos a implicación de todas as persoas que fixeron posible esta xornada e que converteron Salgueiriños nun espazo de encontro, música, tradición e vida compartida.