Jealsa / We Sea e AGADEA Alzhéimer formalizaron este xoves un convenio de colaboración destinado a impulsar novas iniciativas de coidado das persoas e sensibilización medioambiental, reforzando o seu compromiso compartido coa responsabilidade social, a innovación e o desenvolvemento sostible.
A sinatura tivo lugar nas instalacións de AGADEA HÁBITAT Praia Xardín, en Boiro, un espazo pioneiro que aspira a converterse nun referente na atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias, así como no apoio ás súas familias.
No acto participaron Margarita Hermo Figueira, directora de Comunicación e Relacións Institucionais de Jealsa / We Sea; Miriam Santiago Armental, técnica do Departamento de Comunicación e Relacións Institucionais de Jealsa / We Sea; María Isabel Gey Pérez, presidenta de AGADEA Alzhéimer; Faustino Rodríguez Vázquez, xerente da entidade; e Lucía Ruanova Domínguez, técnica de AGADEA HÁBITAT.
No marco deste acordo, Jealsa colaborará co proxecto «AGADEA HÁBITAT: Un mar de saúde», contribuíndo ao desenvolvemento dun recurso pensado para ofrecer respiro, acompañamento e unha atención especializada ás persoas e familias que conviven coa demencia.
A través da súa estratexia de responsabilidade social corporativa We Sea, Jealsa participará no financiamento dunha sala de rehabilitación e estimulación equipada con novas tecnoloxías e solucións de realidade aumentada, orientadas a favorecer o benestar e a autonomía das persoas usuarias. Ademais, a compañía entregará un agasallo de valor social ás persoas residentes do futuro complexo de Praia Xardín.
Tras a sinatura do convenio, as persoas asistentes realizaron unha visita guiada ás instalacións de AGADEA HÁBITAT Praia Xardín, onde puideron coñecer de primeira man o modelo de atención que a entidade está a desenvolver neste novo espazo.
Para Jealsa, este convenio representa un fito especialmente significativo, ao tratarse da primeira colaboración formal cunha entidade dedicada á atención das persoas maiores e con demencias. Pola súa banda, AGADEA continúa sumando alianzas estratéxicas que permiten avanzar cara a unha atención máis innovadora, personalizada e conectada co territorio.
Esta colaboración reafirma o compromiso de ambas organizacións coa creación de proxectos capaces de mellorar a calidade de vida das persoas, fortalecer os coidados e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva e sostible.



