O programa «Coidando na Igualdade» entra na súa recta final tras meses de traballo e acompañamento a mulleres coidadoras informais de persoas con demencia en Santiago de Compostela, Vedra, Trazo, A Estrada e Cuntis.

Durante todo o desenvolvemento do proxecto, AGADEA proporcionou unha atención integral a través de diferentes áreas profesionais, co obxectivo de dar resposta ás necesidades persoais, familiares, sociais e laborais das participantes.

O programa ofreceu apoio psicolóxico, creando espazos de escoita e coidado emocional nos que as mulleres puideron expresar as súas preocupacións, compartir experiencias e adquirir ferramentas para afrontar as dificultades vinculadas aos coidados.

Desde a área de traballo social, facilitouse información, orientación e acompañamento no acceso a recursos e prestacións. Este apoio completouse con asesoramento xurídico e laboral, abordando cuestións relacionadas cos dereitos das persoas coidadoras, a dependencia, a conciliación e outras situacións derivadas da responsabilidade de coidar.

A combinación destes apoios permitiu atender as participantes desde unha perspectiva global e adaptada a cada realidade. Ao mesmo tempo, as actividades grupais favoreceron a creación de redes de apoio, o intercambio de experiencias e a redución do illamento que poden sufrir as mulleres coidadoras.

«Coidando na Igualdade» busca tamén poñer en valor os coidados, promover a corresponsabilidade e contribuír a reducir a dobre discriminación que poden experimentar as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

O programa conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e está cofinanciado pola Unión Europea, co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades e mellorar o benestar e a calidade de vida das mulleres participantes.