AGADEA Alzhéimer celebrou hoxe unha xornada de convivencia no Parque Fluvial da Praíña de Pontevea, no Concello da Estrada, na que participaron arredor de 90 persoas usuarias procedentes dos centros da entidade nas provincias da Coruña e Pontevedra.
A actividade tivo como obxectivo crear un espazo de encontro, lecer e participación ao aire libre, favorecendo a convivencia entre persoas usuarias, profesionais e familias, así como o contacto coa natureza nunha contorna privilexiada como é o parque fluvial de Pontevea.
Durante a xornada desenvolvéronse diferentes actividades lúdicas e participativas, entre elas unha ruta pola contorna do Xirimbao, xogos como o bingo, actuacións musicais e momentos de descanso e convivencia. A programación incluíu tamén un xantar e diferentes espazos para compartir experiencias entre os centros.
No encontro participou tamén a concelleira de Servizos Sociais do Concello da Estrada, Amalia Goldar, que acompañou ás persoas asistentes durante a xornada e coñeceu de primeira man o traballo que AGADEA desenvolve nos seus centros de atención e estimulación.
Desde AGADEA destacouse a importancia deste tipo de iniciativas, que permiten reforzar os vínculos entre as persoas usuarias, promover o envellecemento activo e xerar espazos de benestar, socialización e desfrute compartido fóra da rutina diaria dos centros.



