A Xunta de Galicia e a Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA) presentaron esta mañá a Hortiña da memoria, iniciativa que forma parte da programación coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conmemora este ano no Gaiás o Día Mundial do Medio Ambiente. Este espazo de cultivo será xestionado por persoas con deterioro cognitivo, acompañadas das súas familias e persoas coidadores, co obxectivo de mellorar o seu benestar participando de maneira activa na vida comunitaria.
A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, aproveitou a presentación da horta, na que estivo acompañada polo secretario da Xunta Directiva de AGADEA, Antonio Fernández para dar a coñecer a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións que contempla “toda unha serie de actuacións encamiñadas a favorecer o acceso á cultura e promover a saúde das persoas con alzhéimer e outras demencias”. Entre as que se porán en marcha este verán haberá encontros interxeracionais e creativos e andainas para conectar coa natureza na contorna do monte Gaiás.
Con estas actividades, “a Cidade da Cultura móstrase coma un espazo vivo onde a sostibilidade ambiental serve de ferramenta directa para a inclusión social e o benestar emocional”, subliñou Ana Isabel Vázquez. Ademais, este novo acordo vén ampliar a rede de alianzas que mantén o Gaiás con entidades sociais para desenvolver proxectos centrados na diversidade.
Gaiás en verde: cultura e natureza
No marco do Día do Medio Ambiente, organizouse tamén esta mañá un obradoiro de refugallo no que participaron persoas usuarias de AGADEA e persoal técnico da asociación xunto con alumnado do Colexio Divino Maestro de Santiago de Compostela. Durante a actividade, rapazada e maiores fabricaron ferramentas de pintar con material reciclado que empregaron para dar renda solta á súa creatividade nun lenzo en común.
A programación conmemorativa esténdese no mes de xuño cunha serie de andainas nas que descubrir os espazos naturais do Gaiás desde tres perspectivas diferentes: un percorrido botánico e sensorial pola primavera co olfacto como guía (domingo día 7), un paseo para coñecer as historias do monte Gaiás e o seu valor paisaxístico e patrimonial (o 21 xuño), e unha andaina feiticeira na que recoller as tradicionais herbas de San Xoán na tarde do martes 23 de xuño.
Estes percorridos guiados, gratuítos e para todos os públicos, forman parte da liña de acción Gaiás en verde, coa que a Cidade da Cultura combina arte e creatividade para promover unha conciencia medioambiental sólida desde idades temperás.
AGADEA súmase a esta iniciativa coa organización dunha andaina accesible polo Bosque de Galicia, o sábado 13 de xuño, na que poderán participar tanto as persoas sociais como o publico xeral.



