A segunda edición dos Obradoiros de Estimulación Terapéutica, promovidos por AGADEA co apoio da Fundación Gozalbo-Marqués, entra na súa recta final tras varios meses de actividades que contaron cunha elevada participación de persoas usuarias e familiares.

Durante este tempo, o programa combinou propostas de carácter terapéutico, artístico e tecnolóxico con saídas á contorna natural, ofrecendo experiencias adaptadas que favorecen a estimulación cognitiva, a creatividade, o movemento e as relacións sociais.

As sesións de realidade virtual inmersiva, xunto cos obradoiros de arte e teatro terapéutico e as rutas saudables, consolidáronse como ferramentas complementarias para traballar a memoria, a atención, a orientación, a comunicación e o benestar emocional desde unha perspectiva dinámica, participativa e centrada na persoa.

O alto grao de implicación das persoas participantes e a valoración moi positiva realizada tanto polas familias como polo equipo profesional confirman a consolidación deste proxecto, que por segundo ano consecutivo amplía as oportunidades de intervención terapéutica e de envellecemento activo nos recursos de AGADEA.

A entidade quere agradecer novamente á Fundación Gozalbo-Marqués a súa confianza e compromiso con este programa, que permite seguir incorporando metodoloxías innovadoras e actividades de alto valor terapéutico para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias, así como a das súas familias.