AGADEA Alzhéimer presentou este mércores en Rianxo o proxecto “Memorias Vivas de Rianxo: talento interxeracional no rural”, unha iniciativa innovadora que promove o encontro entre xeracións a través da memoria, a cultura e a participación comunitaria.
A visita institucional celebrouse no Centro Social de Rianxo e contou coa presenza da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, acompañada pola presidenta de AGADEA, Mª Isabel Gey; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; a concelleira de Política Social, Ana Vidal Fungueiriño; e representantes do IES Félix Muriel.
Durante a xornada, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man o funcionamento desta iniciativa interxeracional, na que participan persoas maiores vinculadas a AGADEA e alumnado do Ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do IES Félix Muriel. O proxecto busca fortalecer os vínculos entre xeracións, recuperar a memoria viva de Rianxo e fomentar a participación activa da mocidade no rural.
“Memorias Vivas de Rianxo” estrutúrase arredor de tres grandes accións: a recollida de historias de vida, a creación de roteiros da memoria polo territorio e a elaboración de receitas tradicionais compartidas entre persoas maiores e mozas voluntarias. Todas elas combinan memoria oral, tecnoloxía e aprendizaxe-servizo para crear contidos audiovisuais e culturais accesibles á cidadanía.
Ao longo da visita realizouse unha presentación das persoas participantes, compartíronse impresións e experiencias do proxecto e amosáronse algunhas das actividades desenvolvidas, así como materiais e dinámicas interxeracionais. Posteriormente, a comitiva participou tamén nunha sesión de musicoterapia xunto ás persoas usuarias do centro.
Esta iniciativa piloto pretende converterse nun modelo replicable noutras contornas rurais galegas, poñendo en valor a memoria colectiva, o patrimonio cultural e o papel da mocidade como motor de cohesión social. Ademais, o proxecto permitirá crear produtos culturais permanentes como vídeos, mapas da memoria e contidos gastronómicos vinculados á identidade de Rianxo.
Dende AGADEA agradecemos a implicación das persoas participantes, do IES Félix Muriel, do Concello de Rianxo e da Dirección Xeral de Xuventude por apoiar iniciativas que fortalecen a convivencia, a aprendizaxe mutua e a dignidade das persoas maiores no medio rural.




