As persoas usuarias de AGADEA continúan participando durante estes meses nos Obradoiros de Estimulación Terapéutica, unha iniciativa que se desenvolve un ano máis grazas á colaboración da Fundación Gozalbo-Marqués.

O proxecto ofrece unha programación variada deseñada para favorecer o benestar físico, emocional, cognitivo e social das persoas con demencia, incorporando actividades innovadoras e adaptadas ás capacidades de cada participante.

Entre as propostas desenvolvidas destacan os obradoiros de arte terapéutica, as sesións de teatro terapéutico, as experiencias de realidade virtual inmersiva e as rutas saudables, que permiten gozar da contorna natural ao tempo que se promove a actividade física, a orientación e a interacción social.

Ademais de contribuír á estimulación cognitiva e emocional, estas actividades favorecen a participación activa das familias, creando espazos compartidos que fortalecen os vínculos afectivos e permiten vivir novas experiencias entre persoas usuarias e seres queridos.

Con este programa, AGADEA continúa apostando por unha atención integral, innovadora e centrada na persoa, incorporando ferramentas que contribúen a preservar as capacidades conservadas e a mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias.

A entidade agradece o compromiso da Fundación Gozalbo-Marqués, cuxo apoio fai posible seguir desenvolvendo proxectos que promoven o envellecemento activo, a estimulación terapéutica e o benestar das persoas usuarias.