A Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) vén de ser recoñecida co galardón de “Estradense do Ano nas Redes Sociais” na segunda edición dos Premios Rebumbio, celebrada no MOME da Estrada.
Este recoñecemento, decidido por votación popular, reflicte o apoio da cidadanía ao traballo que AGADEA desenvolve día a día para dar visibilidade ao alzhéimer e outras demencias, ás persoas que conviven con estas enfermidades e ás súas familias. A entidade acadou o 53 % dos votos emitidos, consolidándose como a candidatura máis valorada nesta categoría
Os Premios Rebumbio, organizados por Actual Comunicación, teñen como obxectivo destacar iniciativas que contribúen a promover a vida social, cultural e a identidade local a través das redes sociais, poñendo en valor o impacto da comunicación dixital no territorio.
Desde AGADEA queremos compartir este recoñecemento con todas as persoas que forman parte da nosa comunidade: persoas usuarias, familias, profesionais, voluntariado e todas aquelas que nos seguen e acompañan nas redes sociais. Todas compartimos un compromiso común: construír unha sociedade máis informada, máis empática e máis inclusiva.
Queremos tamén felicitar e recoñecer o traballo do resto de persoas, colectivos e entidades nominadas, que desde distintos ámbitos contribúen a dinamizar a vida social e cultural da Estrada. É unha honra compartir este espazo con proxectos tan valiosos e comprometidos co territorio.
Este premio supón un impulso para seguir traballando na mesma liña, entendendo a comunicación como unha ferramenta de coidado, sensibilización e transformación social.



