O Centro de Día de AGADEA na Estrada recibiu onte a visita institucional do deputado provincial da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, no marco do programa Provincia +Inclusiva, unha iniciativa que promove a accesibilidade e a participación das persoas en igualdade de condicións.
Durante a visita, o deputado provincial puxo en valor o impacto desta liña de axudas, que en 2026 conta cun orzamento de 210.000 euros destinados a mellorar a accesibilidade en entidades sociais da provincia. No caso de AGADEA, a entidade foi beneficiaria dunha achega próxima aos 6.000 euros, que permitiu incorporar novos dispositivos tecnolóxicos e material de rehabilitación e fisioterapia, mellorando así a seguridade e o benestar das persoas usuarias nas actividades, especialmente no exterior.
A xornada contou tamén coa presenza de Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, e de Amalia Goldar, concelleira de Servizos Sociais, así como de Antonio Fernández, secretario da Xunta Directiva de AGADEA, e de Sonia Castro, coordinadora da área de Pontevedra Norte da entidade, que acompañaron á comitiva no percorrido polas instalacións e puideron coñecer de primeira man o traballo diario que se desenvolve no centro.
Desde AGADEA destacouse a importancia deste tipo de programas, que facilitan recursos clave para avanzar cara a unha atención máis accesible, segura e centrada na persoa, especialmente no ámbito das demencias. A incorporación de material como reloxos localizadores, camiñadores ou cadeiras de rodas contribúe a reforzar a autonomía e a calidade de vida das persoas usuarias.
Esta visita institucional supón un recoñecemento ao labor que AGADEA desenvolve no territorio e reforza o compromiso compartido entre administracións e entidades sociais para construír unha sociedade máis inclusiva, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de participación e benestar.



