O programa “Coidando na Igualdade” continúa o seu desenvolvemento ao longo deste 2026, mantendo o foco nas mulleres coidadoras do ámbito rural como protagonistas dun proceso de acompañamento, aprendizaxe e fortalecemento persoal.

Durante estes meses, AGADEA vén traballando de maneira continuada coas participantes, promovendo espazos nos que adquirir ferramentas e recursos que favorezan a súa autonomía, benestar e capacidade de autosuperación.

A través das diferentes sesións, as mulleres están a reforzar habilidades clave para o coidado, tanto no relativo á atención das súas persoas familiares con ALZHÉIMER e outras enfermidades neurodexenerativas, como no coidado de si mesmas, un aspecto fundamental para garantir unha atención sostible no tempo.

O programa está a permitir tamén consolidar dinámicas de apoio mutuo entre as participantes, xerando redes de confianza e intercambio de experiencias que contribúen a reducir o illamento e a sobrecarga asociada aos coidados no rural.

Con iniciativas como esta, AGADEA segue a apostar por un modelo de coidados máis humano, igualitario e centrado nas persoas, poñendo en valor o papel esencial das mulleres coidadoras na nosa sociedade.