O pasado 4 de marzo, as persoas usuarias do Centro de Día de A Estrada de AGADEA Alzhéimer realizaron unha saída ao emblemático Pazo de Oca, nunha xornada marcada polo contacto coa natureza, o paseo e os momentos de convivencia.

Durante a visita, o grupo percorreu os xardíns históricos deste espazo patrimonial, coñecido como o “Versalles galego”, desfrutando dunha actividade ao aire libre que favorece a estimulación cognitiva, o benestar emocional e a interacción social das persoas participantes.

Este tipo de saídas forman parte das actividades que AGADEA promove para fomentar a participación activa e o contacto coa contorna, contribuíndo a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

Máis seguridade grazas ao programa +Inclusiva

A actividade puido realizarse grazas aos dispositivos de localización GPS do programa +Inclusiva da Deputación de Pontevedra, que permiten garantir a seguridade das persoas usuarias durante as actividades fóra do centro e facilitan a organización de saídas con maior tranquilidade para o equipo profesional.

Desde AGADEA queremos agradecer á Deputación de Pontevedra o seu apoio, que fai posible desenvolver iniciativas que promoven a inclusión e a participación das persoas con demencia na vida social da comunidade.

Experiencias como esta amosan que a natureza, o patrimonio e os espazos compartidos tamén forman parte do coidado e do benestar das persoas.