AGADEA Alzheimer vén de iniciar en Rianxo o proxecto “Memorias vivas de Rianxo: talento interxeracional no rural”, unha iniciativa innovadora que une a persoas maiores e alumnado nun proceso de aprendizaxe mutua, recuperación da memoria e posta en valor do patrimonio local.

Este proxecto desenvólvese grazas ao apoio do Servizo de Voluntariado e Participación da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e conta coa colaboración do IES Félix Muriel e do Concello de Rianxo.

Primeiros encontros: escoita, vínculo e emoción

Nas primeiras sesións, xa en marcha, as parellas interxeracionais comezaron a construír un espazo de confianza baseado na escoita activa e no acompañamento. Nestes encontros iniciais, o alumnado achégase ás persoas maiores a través de conversas e entrevistas, nas que afloran lembranzas, experiencias de vida e coñecementos ligados aos oficios tradicionais, ás formas de vida no rural e á historia local.

Memoria, cultura e tecnoloxía

O proxecto estrutúrase arredor de tres liñas principais:

  • Historias de vida, centradas na recollida e narración de testemuños persoais.
  • Rianxo na memoria, con roteiros para redescubrir o territorio dende a experiencia das persoas maiores.
  • Receitas con memoria, que recuperan a tradición culinaria como espazo de encontro interxeracional.

Todo o material xerado será dixitalizado e difundido, contribuíndo á conservación do patrimonio cultural e humano do concello.

Impacto social e comunitario

“Memorias vivas de Rianxo” aposta por un modelo baseado na aprendizaxe-servizo, no acompañamento emocional e na participación activa, xerando beneficios tanto para as persoas maiores como para o alumnado participante. Ademais de mellorar as competencias sociais, comunicativas e dixitais da mocidade, o proxecto reforza o papel das persoas maiores como transmisoras de saber, memoria e identidade colectiva.

Unha ponte entre xeracións

AGADEA continúa así afondando no seu compromiso coa innovación social no ámbito do ALZHÉIMER e do envellecemento activo, promovendo iniciativas que fortalecen os vínculos interxeracionais e constrúen comunidade dende o encontro e o respecto.