AGADEA Alzhéimer pon en marcha, en colaboración co Concello de Padrón, unha campaña participativa con motivo da Pascua, co obxectivo de poñer en valor a memoria e os recordos compartidos.
Entre o venres 27 e o luns 30 de marzo, desenvolverase a iniciativa “Árbore das lembranzas”, unha proposta aberta á participación da veciñanza e das persoas visitantes.
A través dos comercios colaboradores, repartiránse tarxetas nas que quen queira poderá escribir unha lembranza especial. Ademais, os establecementos contarán cun pequeno cartel informativo para dar visibilidade á campaña.
Posteriormente, todos os recordos recollidos serán colocados nunha árbore simbólica situada na entrada do centro de Iria Flavia, elaborada polas propias persoas usuarias, creando así un espazo compartido arredor da memoria.
Con esta acción, AGADEA busca conectar coa comunidade durante estas datas tan sinaladas, promovendo a reflexión, a participación e o valor das lembranzas como parte esencial da vida.



