A colaboración entre AGADEA ALZHÉIMER e a Fundación Antonio Moreno permite continuar en 2026 co desenvolvemento de talleres de estimulación dirixidos a persoas con demencia ou alzhéimer en contornas rurais, reforzando o compromiso compartido cunha atención próxima, accesible e centrada nas persoas.
Este proxecto nace coa vontade de achegar servizos terapéuticos especializados ás aldeas e pequenas vilas, onde as dificultades de acceso a recursos sociosanitarios seguen a ser unha realidade para moitas familias. A través destes talleres, AGADEA busca reducir desigualdades territoriais e favorecer que as persoas poidan permanecer no seu entorno habitual contando cos apoios necesarios.
As actividades desenvólvense en distintos concellos rurais de Galicia e inclúen sesións de estimulación cognitiva, motora e social, sempre adaptadas ás capacidades, intereses e necesidades de cada persoa usuaria. Ademais de traballar a memoria ou a mobilidade, estes espazos convértense en lugares de encontro, participación e benestar emocional.
O proxecto tamén pretende combater o illamento social e ofrecer apoio ás familias e persoas coidadoras, que no medio rural asumen a miúdo os coidados con menos recursos e servizos próximos.
Desde AGADEA queremos agradecer á Fundación Antonio Moreno a súa confianza e sensibilidade cara ás persoas con demencia e ás súas familias. Grazas a esta colaboración podemos seguir tecendo redes de coidado e acompañamento no rural galego, contribuíndo a que cada persoa manteña a súa dignidade, a súa identidade e a súa participación activa na comunidade, tamén fronte ao alzhéimer.




