O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, participaron hoxe na xornada de portas abertas organizada por AGADEA Alzheimer no seu Centro de Día da Estrada, unha iniciativa que permitiu achegar á veciñanza o funcionamento e os servizos deste recurso.

Durante a visita, as autoridades, acompañadas pola presidenta de AGADEA, Isabel Gey, coñeceron de primeira man o traballo que realiza o equipo profesional, así como as dinámicas e actividades que se desenvolven coas persoas usuarias.

Durante a xornada, ás persoas asistentes tiveron a oportunidade de percorrer as instalacións e participar en distintas actividades terapéuticas. Entre elas, destacou a demostración de realidade virtual aplicada á estimulación cognitiva, unha ferramenta innovadora que espertou un grande interese.

Este encontro serviu tamén como espazo de diálogo entre institucións, profesionais e comunidade, poñendo en valor a importancia de seguir reforzando recursos de atención e apoio no ámbito das demencias.

A través desta iniciativa, AGADEA reafirma o seu compromiso coa apertura á sociedade, a sensibilización e a promoción do envellecemento activo, consolidando o Centro de Día da Estrada como un espazo de referencia no coidado, acompañamento e benestar das persoas maiores e das súas familias.