A Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA), en colaboración co Concello da Estrada, organiza o vindeiro mércores 25 de marzo unha xornada de portas abertas no seu Centro de Día para persoas maiores.
A iniciativa desenvolverase en horario de 10:30 a 12:30 e de 16:00 a 18:30 horas, no Edificio Novo Mercado (1ª planta), e ten como obxectivo achegar á cidadanía o funcionamento do centro, así como dar a coñecer os servizos e actividades que se realizan diariamente.
Durante a xornada, as persoas asistentes poderán participar en distintas actividades terapéuticas e dinámicas grupais, centradas na estimulación cognitiva, física e social, coñecendo de primeira man o traballo profesional que se leva a cabo coas persoas usuarias.
Ademais, durante a sesión da mañá, contarase coa presenza da concelleira de Servizos Sociais da Estrada, Amalia Goldar, e da presidenta de AGADEA, Isabel Gey, que acompañarán esta xornada de encontro coa veciñanza.
Desde AGADEA sublíñase a importancia deste tipo de iniciativas para visibilizar o papel dos coidados, promover o envellecemento activo e ofrecer apoio ás familias, facilitando tamén un espazo de encontro e intercambio de experiencias.
A actividade está aberta a toda a veciñanza, especialmente a persoas maiores e familiares que queiran coñecer recursos de atención e acompañamento.








