AGADEA inicia este mes de febreiro unha nova programación de actividades grazas ao apoio da Fundación Gozalbo–Marqués, reforzando o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas con ALZHÉIMER e outras demencias, así como das súas familias e persoas coidadoras.
Durante as próximas semanas desenvolveranse talleres de Teatro Terapéutico Interxeracional e Arte Terapéutico, espazos orientados a favorecer a expresión emocional, a creatividade, a comunicación e o benestar psicosocial das persoas usuarias. Estas actividades contribúen a estimular as capacidades preservadas, fortalecer a autoestima e xerar experiencias significativas nun contexto de participación, relación e acompañamento.
Ademais, o taller de estimulación cognitiva con Realidade Virtual Inmersiva (RVI) dá os seus primeiros pasos neste 2026. Esta ferramenta innovadora permite traballar a memoria, a orientación, a atención e a estimulación sensorial a través de contornas virtuais adaptadas, ofrecendo experiencias motivadoras e personalizadas que favorecen a activación cognitiva e emocional.
Con esta programación, AGADEA continúa apostando por intervencións terapéuticas innovadoras e por unha atención centrada na persoa, que integra as dimensións cognitivas, emocionais e sociais, promovendo un envellecemento activo e unha mellor calidade de vida.




