AGADEA Alzhéimer participa un ano máis no programa de benestar emocional «Afondando nas emocións», impulsado por Afundación, na Estrada.

Este programa dá continuidade ao itinerario iniciado con «Coñecendo as emocións», unha primeira fase que se levou a cabo a finais de 2024 en distintos concellos, entre eles Ribeira e A Estrada, da man das profesionais de AGADEA. Recentemente, a iniciativa foi tamén impartida en Rianxo, consolidando unha liña de traballo centrada no coidado emocional das persoas maiores.

En A Estrada, AGADEA acolle durante este ano a segunda parte do proxecto, titulada «Afondando nas emocións», que deu comezo o 2 de febreiro e prolongarase ata o 30 de marzo. O programa consta de unha sesión semanal de dúas horas, que se desenvolve nas tardes dos luns, e conta con 9 persoas participantes procedentes da primeira edición, o que amosa unha alta continuidade e interese por parte do grupo.

As sesións están dirixidas a profundar en emocións e sentimentos máis complexos como a ansiedade, a culpa, o medo, a soidade, a autoestima ou a comunicación emocional, partindo sempre de situacións reais do día a día das persoas participantes. O contido é flexible e adáptase ás necesidades e intereses do grupo, fomentando a reflexión compartida e a adquisición de ferramentas prácticas para mellorar o benestar emocional.

Desde AGADEA destácase a importancia deste tipo de iniciativas no proceso de envellecemento, especialmente nun contexto no que os cambios vitais, as perdas e a aparición de enfermidades poden ter un impacto significativo no estado emocional das persoas maiores. Programas como «Afondando nas emocións» contribúen a fortalecer recursos persoais, mellorar as relacións interpersoais e promover unha maior calidade de vida.

A participación de AGADEA neste proxecto enmárcase no seu compromiso coa promoción do envellecemento activo, saudable e emocionalmente consciente, así como coa colaboración en redes con entidades que traballan no ámbito social e comunitario.