O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañado da presidenta de AGADEA Alzhéimer, Isabel Gey, e dos escritores Francisco Castro e Ánxela Gracián, presentaron hoxe en Santiago de Compostela a V edición do Premio de Literatura Infantil SIMBAD para o Recordo e o Alzhéimer.

BASES V PREMIO SIMBAD

O obxectivo deste premio é sensibilizar e dar a coñecer o alzhéimer entre a cativada, así como establecer vínculos interxeracionais a través da literatura. Desde a entidade considérase necesario ofrecerlle á mocidade ferramentas que lles permitan comprender a doenza, adaptarse a ela e gozar da relación coas persoas maiores que están a atravesar esta situación.

O Premio SIMBAD enmárcase nun contexto no que o alzhéimer constitúe un dos principais retos sociosanitarios en Galicia e unha enfermidade en claro crecemento. Estímase que máis de 70.000 persoas conviven na comunidade con alzhéimer e outras demencias, unha cifra que continúa aumentando debido ao progresivo envellecemento da poboación. Esta realidade pon de manifesto a necesidade de sensibilizar desde idades temperás, fomentar a comprensión da doenza e reforzar os valores do coidado e da solidariedade interxeracional.

O xurado do Premio SIMBAD está composto, entre outras persoas, polos escritores Francisco Castro, que ademais exerce como presidente ad honorem do galardón, e Ánxela Gracián, que actúa como secretaria.

A gañadora da edición de 2025 foi a escritora Rita Doallo, coa obra Astralistoria, “unha historia que combina maxia, imaxinación e memoria, co obxectivo de transmitir ás novas xeracións valores de solidariedade, respecto e coidado interxeracional”.

Como en edicións anteriores, AGADEA comprométese á publicación da obra premiada, así como á doazón de exemplares a bibliotecas de centros educativos, entre eles os colexios Divino Maestro, Raiña Fabiola e Cluny, de Santiago de Compostela; e Heroína de Sálvora, Sagrado Corazón, Carreira e Palmeira, na comarca do Barbanza. Tamén se realizarán doazóns ao colexio de Vedra e aos centros O Foxo e Cabada Vázquez, da Estrada.

Con esta quinta edición, o Premio SIMBAD consolídase como un referente da literatura infantil en Galicia, promovendo obras que axudan a comprender mellor a realidade do alzhéimer e a importancia dos coidados.

Bases do Premio 2026

  • O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 5 de febreiro de 2026 e remata o 1 de xullo do mesmo ano.
  • Poderán presentarse textos orixinais e inéditos pertencentes a calquera dos xéneros propios da literatura infantil: novela, poesía, teatro, álbum ilustrado, banda deseñada ou novela gráfica, sempre escritos en lingua galega.
  • O xurado dará a coñecer o seu veredicto en setembro, con motivo do Mes do Alzhéimer.
  • O galardón está dotado con 3.000 €.
  • AGADEA adquirirá 100 exemplares da obra premiada como axuda á edición, que queda aberta a calquera editorial interesada.
  • As bases completas do premio están dispoñibles na páxina web de AGADEA Alzhéimer (www.agadea.org), así como noutras plataformas habituais de referencia.

AGADEA Alzhéimer conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, así como co apoio das respectivas concellerías de Servizos Sociais e Educación dos concellos nos que a entidade presta os seus servizos.