O vindeiro sábado 24 de xaneiro, o Auditorio de Galicia (Sala Mozart) acollerá a representación do musical Non estamos tolas, un espectáculo solidario a beneficio de AGADEA e das persoas usuarias da entidade, que combina teatro, música, humor e retranca nunha proposta única e comprometida coa cultura galega.

O musical está interpretado polo grupo de teatro Mimarte, integrado por alumnado do espazo creativo e de artes escénicas, e está escrito e dirixido pola artista Tania Fuegho, quen propón unha historia inspirada en feitos reais, mesturados con ficción e moito humor. A obra xira arredor da desaparición de Eligio e da peculiar investigación que emprenden as veciñas dunha aldea galega, nunha trama chea de crítica social, tenrura e “cultura pop da aldea”.

A función dará comezo ás 19:00 horas e a entrada solidaria terá un custo de 10 €, destinados integramente a apoiar os programas e servizos que AGADEA desenvolve para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e das súas familias.

As entradas poden adquirirse nos centros de AGADEA, e para aquelas persoas que non poidan asistir pero desexen colaborar, poderán mercar unha entrada na Fila 0 (📲 Bizum AGADEA: 13360), co obxectivo de facilitar a participación solidaria da cidadanía.

Desde AGADEA animamos á veciñanza de Santiago de Compostela e da contorna a sumarse a esta cita cultural e solidaria, na que a arte convértese nunha ferramenta de compromiso social, apoio e coidado colectivo.

Porque apoiar a cultura tamén é coidar das persoas.