Entre os días 19 e 23 de decembro, os distintos centros de AGADEA acolleron as tradicionais convivencias de Nadal, uns encontros pensados para compartir, celebrar e reforzar o acompañamento emocional das persoas usuarias e das súas familias nun ambiente festivo e acolledor.
As actividades desenvolvéronse nos centros de A Estrada, Aguiño, Ribeira, Cuntis, Santiago – Ensanche, Salgueiriños, Trazo e Vedra, onde se organizaron xornadas de convivencia que combinaron momentos lúdicos, musicais e comunitarios, favorecendo a participación activa e o benestar emocional das persoas asistentes.
Durante estes días, persoas usuarias e familiares compartiron xogos, dinámicas participativas, bailes, sorteos e actuacións musicais, convertendo cada centro nun espazo de encontro e celebración. A música en directo, os cantos tradicionais e outras propostas culturais tiveron un papel destacado, contribuíndo a crear un clima de alegría, proximidade e lembranza compartida.
Estas convivencias teñen como obxectivo manter vivo o espírito de convivencia, acompañamento e comunidade, especialmente significativo nestas datas, nas que o vínculo social e afectivo cobra un valor esencial. Ademais, permiten fortalecer as relacións entre as persoas usuarias, as súas familias e os equipos profesionais, reforzando o sentimento de pertenza e apoio mutuo.
Desde AGADEA queremos agradecer a implicación das persoas usuarias, das familias, do persoal técnico e das persoas colaboradoras que fixeron posible estas celebracións, demostrando unha vez máis que o Nadal tamén é tempo de coidar, compartir e acompañar.























