Un ano máis, a campaña de Nadal de AGADEA volve contar cun amplo respaldo do comercio local. Neste 2025, máis de 100 establecementos de Santiago de Compostela, A Estrada, Ribeira, Cuntis, Porto do Son, Rianxo, Teo e Vedra participan activamente nunha iniciativa que combina solidariedade, visibilidade social e apoio ao tecido económico de proximidade.

A campaña ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía sobre a enfermidade de alzhéimer, promover a inclusión das persoas usuarias nos espazos comunitarios e reforzar o vínculo entre a entidade, as familias e o comercio local. Ao longo destas semanas, persoas usuarias dos distintos centros de AGADEA realizan visitas aos establecementos colaboradores para facer entrega dun agasallo de Nadal elaborado de maneira artesanal, froito de actividades terapéuticas.

Esta acción non só ten un valor simbólico, senón tamén terapéutico, xa que favorece a estimulación cognitiva, a socialización e o sentimento de pertenza das persoas participantes, ao tempo que pon en valor o papel do comercio local como axente activo na construción dunha comunidade máis solidaria e comprometida.

Desde AGADEA quérese agradecer publicamente a implicación de todos os comercios colaboradores, así como o apoio das administracións locais e da cidadanía, que ano tras ano fan posible que esta campaña continúe medrando e consolidándose como unha cita destacada do Nadal solidario en Galicia.