O Centro de Día de Salgueiriños, xestionado por AGADEA ALZHÉIMER, recibiu este xoves a visita da deputada provincial da Coruña responsable da área de servizos sociais, Mar García, do director xeral de Maiores Antón Acevedo e María Ángeles Domínguez, secretaria xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), para coñecer de primeira man a ampliación e mellora das instalacións, nun encontro institucional marcado polo avance no reforzo da atención ás persoas maiores na área de Santiago de Compostela.
A principal novidade presentada foi a ampliación da capacidade do centro, que pasa das 26 ás 40 prazas, un incremento que permitirá atender a un maior número de persoas maiores e con diagnóstico de alzhéimer ou outras demencias na área de Santiago, grazas ao apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Un aumento que permitirá atender a un maior número de familias e dar resposta á elevada demanda existente.
A delegación institucional percorreu as instalacións, coñeceu o equipamento e observou de primeira man o traballo diario do equipo profesional de AGADEA, especializado na atención centrada na persoa, estimulación terapéutica e apoio integral ás familias. Así mesmo, mantiveron conversas coas persoas usuarias, interesándose polas actividades e polo seu día a día no centro.
María Ángeles Domínguez, destacou «o compromiso histórico do IGVS con AGADEA para mellorar o labor da organización no día a día». Pola súa banda, a deputada Mar García destacou “o compromiso da Deputación coa consolidación de servizos de proximidade que melloren a calidade de vida das persoas maiores”. Por último, Antón Acevedo subliñou “a importancia da coordinación entre institucións para ampliar recursos especializados como este, que permiten unha atención integral e centrada na persoa”.
A presidenta de AGADEA, Isabel Gey, agradeceu o apoio das administracións e salientou que esta ampliación “supón un paso adiante fundamental para dar resposta á crecente demanda e reforzar os servizos de atención e acompañamento que ofrecemos ás persoas e ás súas familias”.
O Centro de Día de Salgueiriños constitúe un referente na atención terapéutica, mantendo unha programación diaria baseada na estimulación cognitiva, psicomotricidade, actividades de vida diaria, socialización e intervención psicosocial coas familias. A ampliación das prazas supón un paso adiante fundamental para fortalecer a rede de atención e avanzar cara a un modelo de coidado máis accesible, próximo e humano.


















