A Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) continúa coa difusión da Guía de Apoio ás Persoas Coidadoras, un recurso práctico e totalmente actualizado destinado a acompañar, orientar e mellorar o día a día das persoas que coidan dun familiar con demencia.
Durante as últimas semanas, AGADEA desenvolveu xornadas de presentación e formación específica nos concellos de Rianxo, Boiro, Ribeira e Porto do Son, achegando este material a persoas coidadoras, profesionais sociosanitarios e veciñanza interesada en coñecer ferramentas de coidado máis axeitadas.
A guía recolle información clara e estruturada sobre o proceso das demencias, estratexias de comunicación, recomendacións para o coidado diario, pautas para o manexo de situacións complexas e orientacións emocionais para quen coida, un labor que adoita ser esixente e pouco visibilizado.
“Difundir esta guía en todos os concellos é fundamental para que as familias non se sintan soas. O obxectivo é achegar coñecemento e apoio, e reforzar a rede comunitaria que sostén o coidado”, explican a coordinadora de AGADEA na área de barbanza, Vanesa Tubío.
Últimas presentacións na área de Barbanza
A máis recente das xornadas tivo lugar no Concello de Porto do Son, coa participación da traballadora social municipal, María Tembra, e da psicóloga de AGADEA, Alba Iglesias. Asistiron persoas coidadoras e cidadanía interesada en mellorar as súas habilidades e coñecementos para ofrecer un coidado digno, respectuoso e centrado na persoa.

Estas accións forman parte da estratexia de AGADEA para achegar recursos prácticos a todo o territorio e reforzar o acompañamento ás familias.
Un compromiso coa formación e o coidado digno
A entidade destaca que apostar polas persoas coidadoras é investir en benestar comunitario:
“Cando apoiamos a quen coida, melloramos directamente a calidade de vida das persoas con demencia. A formación é clave e esta guía é unha ferramenta imprescindible”, sinala Alba Iglesias, psicóloga de AGADEA.
A Guía de Apoio ás Persoas Coidadoras está dispoñible de forma gratuíta na páxina web da entidade.



