AGADEA continúa avanzando na recta final do proxecto “Servizos de acceso a talleres de estimulación para persoas con demencia ou ALZHÉIMER no rural”, unha iniciativa posible grazas á colaboración da Fundación Antonio Moreno, que permite achegar actividades terapéuticas a concellos e parroquias afastadas dos núcleos urbanos.

Este programa, que leva meses en marcha, está a ofrecer atención específica a persoas con demencia ou ALZHÉIMER que doutro modo terían dificultade para acceder a servizos profesionais de estimulación cognitiva, funcional e emocional.

Ao longo destas semanas realizáronse talleres en diferentes puntos do rural, favorecendo a participación, a prevención do deterioro, a socialización e o benestar das persoas usuarias. Esta recta final permitirá consolidar o traballo desenvolvido e seguir acompañando ás familias da contorna.

Desde AGADEA destacan que “a colaboración da Fundación Antonio Moreno fai posible que ningunha persoa quede atrás polo feito de vivir no rural”, reforzando a aposta pola igualdade de acceso aos coidados e pola atención comunitaria.

AGADEA agradece profundamente o apoio da Fundación Antonio Moreno, cuxo compromiso social permite continuar achegando recursos terapéuticos e de acompañamento ao territorio rural.