O Centro Social de Boiro acolleu este luns unha nova sesión do programa “Cociña +60. Receitas de vida”, unha iniciativa social impulsada polo Grupo Nove, en colaboración con AGADEA Alzhéimer, FAMYC Ferrolterra e o Concello de Boiro, co patrocinio de GADIS.
Nesta edición, persoas usuarias de AGADEA participaron activamente no obradoiro, un espazo formativo deseñado para mellorar a autonomía, promover hábitos alimentarios saudables e aprender a “cociñar ben sen gastar de máis”. O programa busca que as persoas maiores adquiran competencias prácticas e accesibles aplicables ao seu día a día.
O encontro contou coa participación dos recoñecidos cociñeiros do Grupo Nove, Caco Agrasar (As Garzas) e Iñaki Bretal (Eirado), acompañados pola nutricionista Sara Rivas, que ofreceron recomendacións sobre seguridade alimentaria, nutrición equilibrada, aproveitamento dos alimentos e receitas adaptadas ás necesidades das persoas maiores.
A presidenta de AGADEA, Isabel Gey, participante no obradoiro, destacou que “actividades coma esta reforzan non só a saúde e a autonomía das persoas usuarias, senón tamén a súa participación social, autoestima e benestar emocional”. A entidade destaca, ademais, o valor da colaboración co Grupo Nove para achegar iniciativas de calidade ao territorio.
Un programa cun forte compoñente social e comunitario
O programa “Cociña +60” pon o foco nas zonas nas que habitualmente non se desenvolven actividades deste tipo, reforzando o vínculo co rural e favorecendo a igualdade de oportunidades.
Tras o éxito da pasada edición, que reuniu máis de 200 participantes, o programa continúa nas próximas semanas con novos obradoiros en Lugo e Becerreá, mantendo o compromiso de achegar coñecemento culinario, saúde e convivencia á poboación maior.







