O Centro de Día Público Alzheimer de Ribeira, que forma parte da rede de centros de día públicos da Xunta de Galicia, celebrou esta mañá o seu 15º aniversario, nun acto emotivo organizado por AGADEA Alzhéimer, que reuniu a persoas usuarias, familias, profesionais, autoridades e representantes de distintas institucións.
O evento contou coa participación de Dª Isabel Gey, presidenta de AGADEA; Dª Mariola Sampedro, alcaldesa de Ribeira; e D. Antón Acevedo, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, quen destacaron “o labor esencial dos centros de día como espazos que ofrecen coidados de calidade e tamén calor humana ás persoas maiores e ás súas familias”.
Durante o acto, recordáronse os inicios do centro e a evolución do servizo ao longo destes quince anos, coa intervención do seu primeiro director, Pablo Mirás, de profesionais dos Servizos Sociais e do Centro de Saúde, que compartiron a súa experiencia e visión sobre o impacto deste recurso na comunidade local e na comarca do Barbanza.
Tamén se proxectou o vídeo conmemorativo “15 anos acompañando”, un percorrido visual pola historia e o día a día do centro, seguido dunha tómbola simbólica con 15 premios, e unha actuación das pandereteiras das Amas de Casa, que puxo o toque musical á celebración.
O peche do acto estivo marcado por un pincho conxunto entre familias, profesionais e persoas usuarias, que simbolizou o espírito de convivencia e proximidade que define a filosofía de AGADEA.
“Un centro de día non é só un lugar de coidados: é un fogar cheo de vida, de afectos e de esperanza. Grazas a todas as persoas que o fixeron posible”, destacou Isabel Gey, presidenta de AGADEA, na súa intervención.
Con este aniversario, AGADEA reafirma o seu compromiso coa atención centrada na persoa e co desenvolvemento de recursos públicos que permitan envellecer con dignidade e respecto.























