Usuarios e usuarias do Centro de Día e do Centro Terapéutico de Ribeira, acompañados por nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Palmeira, participaron o venres 26 de setembro nunha saída moi especial á Illa de Sálvora, enmarcada no proxecto Un camiño de Lembranzas.
A actividade, financiada pola Xunta de Galicia, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Red de Parques Nacionales e desenvolvida por Agadea Alzhéimer, permitiu coñecer de preto a riqueza natural, histórica e cultural deste enclave único.
Durante a xornada, as persoas participantes gozaron dunha visita guiada, percorrendo os principais puntos da illa e descubrindo curiosidades sobre a súa flora e fauna, as lendas que envolven a súa historia e como era a vida dos seus antigos habitantes.
O encontro interxeracional entre maiores e escolares foi tamén unha oportunidade para compartir experiencias, fortalecer vínculos e poñer en valor a memoria colectiva a través da natureza e do patrimonio.
Con iniciativas como esta, Agadea continúa a impulsar proxectos que favorecen o benestar emocional, a estimulación cognitiva e a conexión coa contorna, creando espazos de lembranza que unen xeracións e que manteñen vivo o espírito das nosas tradicións.
aga
























































































