A Conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe en Boiro o proxecto “Un mar de saúde”, unha iniciativa pioneira que une a atención ás persoas maiores e con demencias coa identidade mariñeira e o aproveitamento sustentable dos recursos do mar.

No proxecto, impulsado por AGADEA Alzhéimer co apoio da Consellería do Mar e financiado a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA), o mar enténdese como sinónimo de vida, saúde e identidade. Por unha banda, a Ría de Arousa como un mar produtivo, base do marisqueo, da acuicultura e da pesca; e por outra, como espazo simbólico e cultural que mantén viva a memoria mariñeira dun territorio que sempre mirou ao océano.

O complexo combina un centro de atención diúrna para persoas maiores e con demencias con 6 unidades convivenciais temporais en apartamentos adaptados, que ofrecen respiro familiar e coidados profesionais. Todo isto compleméntase con actividades vinculadas ao mar: rutas interpretativas polos bancos marisqueiros; visitas a lonxas e conserveiras; showcookings e degustacións de produtos locais e iniciativas gastronómicas baseadas nos “sabores da memoria”.

A Presidenta de AGADEA, Isabel Gey, subliñou que “este proxecto demostra que a atención ás persoas maiores pode ir da man da posta en valor do noso mar, xerando impacto social, económico e cultural no territorio”. Pola súa banda, a Conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que “Un mar de saúde reflicte o compromiso da Consellería a iniciativas que manteñen vivo o patrimonio mariñeiro, ao tempo que melloran a vida das persoas”.

Tras a visita ás instalacións en Praia Xardín, a comitiva achegouse tamén ao Centro de Día de Ribeira, pertencente á rede pública da Xunta de Galicia e xestionado por AGADEA, para coñecer de primeira man o seu funcionamento.