AGADEA inicia unha nova edición do programa “Coidando na Igualdade” durante o período 2025–2026, unha iniciativa dirixida a mulleres coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia, especialmente no ámbito rural galego.
O proxecto ten como finalidade acompañar e reforzar o benestar destas mulleres, ofrecéndolles ferramentas prácticas, apoio emocional e espazos de encontro que lles permitan afrontar as esixencias do coidado en mellores condicións.
Ao longo do programa desenvolveranse distintas accións en concellos como Vedra, Trazo, A Estrada ou Santiago de Compostela, combinando sesións formativas, asesoramento e actividades grupais. Entre elas inclúense talleres sobre coidados, encontros de apoio mutuo e sesións específicas de asesoramento xurídico, nas que se abordan cuestións legais relacionadas coa dependencia e os dereitos das persoas coidadoras, como xa se vén realizando en edicións anteriores do programa .
Ademais, o programa incorpora contidos orientados á mellora das competencias dixitais, facilitando o acceso a recursos e servizos, así como á promoción da autonomía persoal das participantes.
“Coidando na Igualdade” tamén pon o foco na sensibilización social, visibilizando o papel fundamental das mulleres no ámbito dos coidados e promovendo unha maior corresponsabilidade, fronte a un modelo que tradicionalmente recae maioritariamente nelas.
Con esta iniciativa, AGADEA reafirma o seu compromiso co apoio ás familias e coa construción dun modelo de coidados máis xusto, inclusivo e sostible no territorio.
Programa subvencionado no marco das axudas a entidades de iniciativa social dirixidas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciado pola Unión Europea, co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades e reducir a dobre discriminación.




