Grazas á colaboración da Fundación Antonio Moreno, desde AGADEA podemos seguir desenvolvendo os talleres de estimulación para persoas con demencia ou alzhéimer en contornas rurais. Este proxecto naceu coa vontade de achegar servizos terapéuticos a aquelas persoas que, por vivir en aldeas ou vilas, teñen maiores dificultades de acceso a recursos especializados.
Os talleres, que se realizan en distintos concellos rurais de Galicia, inclúen actividades de estimulación cognitiva, motora e social, adaptadas ás necesidades de cada persoa usuaria. O obxectivo é mellorar a súa calidade de vida, previr o illamento social e apoiar ás familias e coidadoras que, no medio rural, carecen a miúdo de servizos próximos.
Con esta iniciativa, AGADEA reafirma o seu compromiso co rural galego, apostando por unha atención próxima, humana e inclusiva. Grazas ao apoio da Fundación Antonio Moreno podemos seguir tecendo redes de coidado e acompañamento tamén nas aldeas, contribuíndo a que cada persoa manteña a súa dignidade e identidade, tamén fronte ao alzhéimer.




