O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Servizos Sociais, Marió Saco, visitaron este luns 22 de setembro o centro de estimulación cognitiva que acolle a Casa dos Capeláns, en Iria Flavia. Desde a súa inauguración en decembro de 2024, o programa de estimulación cognitiva que ofrece Agadea Alzhéimer en Padrón segue consolidándose como un recurso de referencia na atención a persoas con deterioro cognitivo ou diagnóstico de demencia. Esta iniciativa naceu da colaboración entre o Concello e a asociación para dar resposta á crecente demanda da veciñanza, que requiría atención especializada para mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias e ofrecer apoio ás súas familias.

A Concelleira de Servizos Sociais, Mariló Saco, confirma o alto grao de satisfacción tanto das persoas usuarias como do goberno municipal. “A xente está moi contenta e creemos que estamos a cumprir co obxectivo que nos marcamos coa súa posta en marcha. Sabiamos que era un recurso moi necesario nun concello como o noso, cunha poboación envellecida que precisa coidados, así como para as familias que tamén necesitan un tempo de respiro para conciliar coa súa rutina profesional e persoal”.

Esta iniciativa desenvólvese na Casa dos Capeláns, en Iria Flavia e foi posible grazas á colaboración do Concello de Padrón, “tanto desde a alcaldía como desde os Servizos Sociais, que decidiron dedicar un espazo adecuado, deseñado especificamente para favorecer actividades que promoven a estimulación cognitiva e o benestar emocional dos participantes”, indica Lucía Fandiño, coordinadora do servizo que ofrece Agadea Alzhéimer.