O vindeiro 15 de setembro, coincidindo coa proximidade da celebración do Día Mundial do Alzheimer o día 21, o Theatre Room do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), acollerá unha mesa redonda sobre os avances na investigación e como contribúen a mellorar a calidade de vida de persoas con este tipo de patoloxías, na que participa AGADEA ALZHÉIMER.

Este encontro busca xerar un espazo de diálogo entre a investigación biomédica e a práctica asistencial, co obxectivo de ofrecer unha visión integral sobre o diagnóstico, a evolución e os modelos de atención ás persoas con enfermidades neurodexenerativas, como o Alzheimer, desde a innovación científica e o apoio sociosanitario.

A atención integral de persoas que padecen enfermidades neurodexenerativas e as súas familias para mellorar a súa calidade de vida é o obxectivo da mesa redonda que terá lugar o vindeiro luns, día 15, no CiMUS da USC. En colaboración con AGADEA, o centro singular da USC presta atención a unha abordaxe integral destas patoloxías, desde a perspectiva do diagnóstico e tratamento, con probas de imaxe de alta precisión; ata novidosos estudos e avances farmacolóxicos que se veñen desenvolvendo no CiMUS. A visión neuro-psicolóxica terá tamén un importante espazo neste encontro da man de especialistas de AGADEA.

Avances en investigación en Alzheimer

Dolores Viña, do grupo CDPharma do CiMUS, fará un percorrido polos principais factores de risco na enfermidade do Alzheimer e compartirá o traballo de investigación do grupo que dirixe enfocado á identificación de novas dianas terapéuticas para protexer a integridade da barreira hematoencefálica favorecendo así a neuro-protección.

Pablo Aguiar, do Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose do CiMUS, tratará sobre sobre as técnicas de imaxe PET e como contribúen aos avances no diagnóstico de Alzheimer en fases moi temperás.  Aínda que non están dispoñibles en todos os hospitais e teñen un custo elevado, trátase de avances revolucionarios e sen precedentes, pois ofrecen unha proba non invasiva e moi precisa para identificar a persoas en risco de padecer a enfermidade. Estas técnicas representan un cambio de paradigma na práctica clínica, pasando dun diagnóstico tardío a un diagnóstico en pacientes asintomáticos, co que podemos avanzar cara a terapias máis personalizadas que se apliquen cando a enfermidade aínda é reversible, e mesmo a desenvolver estratexias de medicamento preventivo no campo das demencias.

Pola súa banda, José Manuel Brea, tamén do grupo do CiMUS Biofarma, será o encargado de revisar as estratexias actuais para o tratamento da enfermidade, poñendo especial énfase nas posibilidades terapéuticas que ofrece o lecanemab, un anticorpo monoclonal de recente aprobación en España. Tamén falará dos estudos clínicos que se están levando a cabo xunto con novas estratexias experimentais que se utilizan para a busca de novos tratamentos.

Apoio psicolóxico a persoas enfermas e coidadoras

Desde AGADEA, a neuropsicóloga Taida Sánchez abordará os novos métodos diagnósticos relacionados cos biomarcadores en análises de sangue; e presentará a guía de apoio a persoas coidadoras elaborada polo equipo da Asociación. O psicólogo Jorge Méndez falará sobre as novas terapias farmacolóxicas en xeral, os distintos tipos que existen na actualidade e cales e por que aplican en AGADEA.

Mesa redonda CiMUS – AGADEA

📍 Lugar: CiMUS – Av. Barcelona, Santiago de Compostela.

🎟️ Entrada libre ata completar aforo (63 butacas + 18 cadeiras pregables).

🔗 Inscrición previa aquí: Formulario de inscrición