O mércores 9 de xullo, de 16:30 a 17:30 horas, a Casa Común de Cacheiras acollerá unha sesión terapéutica de realidade virtual dirixida a persoas con demencia, organizada por AGADEA Alzheimer. A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, asistirá a esta actividade, que forma parte do servizo de estimulación terapéutica que a entidade desenvolve no concello.

Esta sesión enmárcase dentro da aposta de AGADEA por incorporar novas tecnoloxías no ámbito do coidado e a estimulación cognitiva das persoas con Alzheimer e outras demencias, ofrecendo experiencias inmersivas que favorecen o benestar, a conexión emocional e o exercicio da memoria.

Desde AGADEA agradecemos ao Concello de Teo polo seu apoio continuado, que fai posible que este servizo chegue á veciñanza que máis o precisa.

A actividade forma parte do calendario terapéutico que se desenvolve semanalmente no concello.