Este xoves 17 de xullo, entre as 11:00 e as 14:00 horas, a contorna da Praza Roxa – Casas de Ramírez converterase nun espazo de encontro e xogo coa actividade «Xogos Populares na Rúa», unha proposta interxeracional organizada pola asociación AGADEA Alzhéimer no marco do proxecto Senda Social e dentro da campaña 12 Comercios 12 Sensibilidades, coa colaboración de ELA Interiorismo e o apoio do Departamento de Comercio do Concello de Santiago.

A sesión contará coa participación da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) e da Asociación do Xogo da Chave de Santiago, que dinamizarán unha ducia de xogos tradicionais galegos para todas as idades: desde birlos, aro e zancos ata xogos como a ra, o tiro á lata, o tres en raia ou o lanzamento de pucha. Os xogos foron escollidos por seren accesibles, lúdicos e ideais para compartir entre xeracións.

Ademais da veciñanza, tomarán parte na actividade persoas maiores usuarias de AGADEA, rapazada dos campamentos urbanos municipais e do Colexio Compañía de María, que xogarán xuntas nunha mañá de convivencia e memoria activa.

Esta actividade forma parte da programación de xullo da campaña #12Comercios12SensibilidadesSCQ, que busca conectar comercio local, cultura e acción social, poñendo en valor o barrio e a memoria.

📍 Data: Xoves 17 de xullo
🕚 Hora: 11:00 a 14:00
📌 Lugar: Contorna Praza Roxa – Casas de Ramírez
📸 A participación é libre e gratuíta. Recoméndase acudir con calzado cómodo, gorra, auga e ganas de xogar!