O pasado xoves 10 de xullo, ELA interiorismo e AGADEA organizaron unha actividade interxeracional moi especial dentro da campaña 12 COMERCIOS 12 SENSIBILIDADES, impulsada polo comercio local de Santiago coa colaboración do Concello.
Durante toda a mañá, a Praza Roxa e a rúa Casas de Ramírez convertéronse nun espazo de convivencia, creatividade e memoria compartida entre as persoas usuarias de AGADEA e máis de 60 nenos e nenas dos campamentos urbanos do Ensanche, Pontepedriña e Compañía de María.
Actividades con sentido
A xornada incluíu catro propostas pensadas para activar a memoria, fomentar a expresión artística e crear vínculos entre xeracións:
🖌️ Retratos compartidos con bastidores transparentes, onde dúas persoas sentadas fronte a fronte debuxaban unha á outra a través do cristal.
📦 Origami con papel reciclado, para traballar a motricidade fina e a paciencia colectiva.
🧦 Baile-pintura con pés e calcetíns, creando unha obra de arte colectiva ao ritmo da música.
🥁 Cátering musical con instrumentos reciclados, onde se formou unha orquestra improvisada con utensilios de cociña, latas e baldes, dirixida por Tomás Rábano.
Un encontro institucional
Durante a actividade, recibimos a visita da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, que se achegou para compartir uns minutos cos participantes e destacar a importancia de abrir a cidade á diversidade e á memoria. «É marabilloso ver como diferentes xeracións se atopan na rúa, aprendendo unhas das outras a través da arte, a música e o xogo», declarou Rozas.
A memoria tamén vive no barrio
Desde AGADEA, no marco do proxecto Senda Social, apostamos por sacar a memoria á rúa, visibilizar o Alzhéimer e demostrar que o coidado tamén pode ser creativo.
Esta actividade enmárcase nun mes cheo de propostas dentro da campaña 12 COMERCIOS 12 SENSIBILIDADES, da que formamos parte activamente.
Agradecemos especialmente o apoio dos comercios colaboradores, o voluntariado, os equipos técnicos e todas as familias participantes por facer deste día unha experiencia inesquecible.
AGADEA no día a día
Durante todo o mes, temos en marcha a exposición fotográfica solidaria “AGADEA no día a día” no local de ELA Interiorismo. Unha oportunidade para achegarse á nosa realidade cotiá a través da mirada de Suso Rivas.
Xogos Populares na Rúa o próximo xoves 17 de xullo: un Encontro Interxeracional Aberto á Participación
Baixo o título “Xogos populares na rúa”, o próximo xoves 17 xullo voltamos á contorna da Praza Roxa e Casas de Ramírez en Santiago de Compostela para un encontro interxeracional que busca poñer en valor a memoria colectiva a través do xogo, creando pontes entre as xeracións máis novas e as persoas maiores, no marco da campaña “12 comercios, 12 sensibilidades”,
ELA Interiorismo e AGADEA Alzheimer invitan á cidadanía a participar na xornada, que conta coa colaboración da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, así como dos campamentos urbanos municipais e do colexio Compañía de María.
As persoas asistentes poderán participar en xogos tradicionais e compartir experiencias e recordos nun ambiente lúdico e acolledor.
Esta xornada de xogos forma parte do compromiso de AGADEA por abrir os coidados á rúa e visibilizar a importancia da memoria e do vínculo social como ferramentas de saúde comunitaria.
A actividade é aberta ao público e non require inscrición previa.
📸 Velaquí algunhas imaxes da xornada:
















































