O mércores 18 de xuño, cincuenta persoas participantes no programa “Cultiva o corpo” de AGADEA, gozaron dunha nova xornada de turismo e natureza na comarca do Salnés, no marco do proxecto Senda Social.
A xornada comezou cun agradable paseo guiado polas rúas de Cambados, onde as persoas participantes puideron coñecer os segredos e historias desta vila chea de cultura e sabor a mar. Despois, nada mellor que unha boa conversa arredor dun café ao aire libre, aproveitando o bo tempo e o ambiente de amizade que se foi creando.
A excursión continuou cunha visita á adega Bouza de Carril, onde aprendemos máis sobre o proceso de elaboración do viño e puidemos facer unha pequena degustación.
Pola tarde, visitamos A Toxa e embarcamos nun catamarán , onde tivemos a oportunidade de saborear mexillóns e refrescos mentres percorríamos a ría. A experiencia rematou cun paseo polo litoral e o regreso aos puntos de orixe.
Esta saída forma parte do ciclo de actividades que ofrece ‘Cultiva o corpo’, un programa que aposta pola promoción da saúde, o benestar emocional e a participación activa das persoas maiores.


















